O 14 de abril de 1931 proclamouse a Segunda República, despois dunhas eleccións municipais que demostraron a vontade dos pobos do Estado para comezar un proceso de democratización estatal e de incorporación plena das clases populares á vida civil e política para promover cambios sociais. A verdadeira universalización do sufraxio, o inicio do recoñecemento da plurinacionalidade ou unha Carta Magna que, a pesar das súas limitacións, inspirou o constitucionalismo de entreguerras, son algúns dos elementos máis destacados do novo período aberto polo Pacto de San Sebastián como precedente importante.
O Pacto de San Sebastián supuxo unha axenda común da maioría das forzas republicanas que se opoñían ao réxime monárquico e á ditadura, unindo no proceso a gran parte das esquerdas, movementos sociais e sindicatos na oposición a un réxime elitista, profundamente desigual e inimigo de todas as reivindicacións nacionais e sociais. Nesta alianza conseguiuse establecer un bloque social e político que, á vez que reivindicaba os dereitos civís dos presos políticos e exiliados, ofrecía un programa de reformas sociais que entre outras cousas propoñía saídas e soluciónss á cuestión nacional no Estado Español.. Desta maneira, a resposta á crise económica e política do réxime atopábase coa esperanza dun cambio de rumbo ibérico alternativo ao derrubamento do capitalismo e do autoritarismo da monarquía. Cremos pero que un novo pacto de San Sebastián tería que ir máis aló do precedente e ofrecer un programa social contra a crise e contra o autoritarismo do Estado.
Cara a unha nova axenda republicana e popular
Por este motivo, a 90 anos da proclamación da Segunda República, cremos que vale a pena retomar esta vontade de aliar distintos sectores sociais e políticos que comparten diagnósticos fronte ás grandes crises do momento. A crise climática, a crise do centralismo, a crise económica, son algúns dos vértices que sosteñen a crise dun réxime e dunha forma de Estado en claro declive moral. A fraude fiscal da monarquía e a fuga do rei emérito expoñen a un nivel máis profundo a crise do réxime. Se fai dez anos comezou a crise do bipartidismo, que a corrupción do PP e do PSOE fixo estalar, agora a crise da mesma xefatura de Estado concentra a corrupción do conxunto da oligarquía.
Aínda así, agora mesmo non hai unha alianza que permita facer fronte ao conxunto da crise a pesar de que haxa tentativas prometedoras neste senso. Con todo, fai falta unir ao conxunto das forzas que dende o centro e dende as periferias se opoñen ao réxime. Esta alianza, ademais de integrar ao conxunto de forzas políticas require, para ter unha forza popular, dunha alianza en termos sociais e sindicais. Incluíndo neste senso todos os desexos de pleno autogoberno e de plena autodeterminación; dende as nacións periféricas ata a España baleirada. Amnistía, autodeterminación, renda básica e Green New Deal, pensado como transición ecosocial e feminista, son algúns dos eixos para unha axenda común de loita que tería que construír unha estratexia para un bloque republicano. Trátase de edificar unha estratexia compartida entre distintos sectores e movementos con tal de mancomunar as loitas ecoloxistas, feministas, nacionais e sociais, nunha nova alternativa.
Unha estratexia confederalista e democrática
O centralismo ten aspectos económicos, políticos e ecolóxicos, é por estes motivos que é un problema para o conxunto da poboación española. O centralismo é un agravio para as nacións periféricas, para os territorios “baleirados” e para os municipios que desexan maior autogoberno. O centralismo é tan problemático porque consiste nunha acumulación de poder e riqueza que impide á xente decidir de forma soberana sobre os seus asuntos. A xudialización da política e o autoritarismo do Estado non fixeron senón agraviar esta estrutura centralista. Por iso, un novo Pacto de San Sebastián ten que incluír unha completa alternativa ao centralismo. Isto significa tanto abordar o dereito á participación popular mediante referendos e iniciativas lexislativas populares, como o control e a revogación dos cargos políticos, ademais dunha proposta de democratización do poder xudicial, que postule unha reforma do sistema de elección do poder xudicial que garanta que este non se converta nun poder illado de todo control popular e con continua vocación de intervir no proceso político. O referendo sobre o dereito para decidir ou sobre unha lei estatal de vivenda son algúns dos exemplos para dar voz ás vontades populares, de tal maneira, que fagan posible un novo pacto entre os nosos pobos. Un contrato social democrático que modifique a estrutura do Estado e faga posible a súa transformación social. É dicir, cara a unha formulación confederal e democrática que recoñeza todos os dereitos e todas as liberdades.
Ademais, é vital superar as lóxicas de participación política características do sistema representativo capitalista, que non se reduce á participación electoral ou, mesmo, a referendos concretos. A cidadanía ten que poder implicarse activamente na toma de decisións sociopolíticas d seu día a día e poñer en práctica a palabra república con todas as súas letras como cousa pública.
Un novo contrato social contra a crise da COVID
Un ano despois do comezo dunha crise económica brutal -cunha caída do 4,9% do PIB mundial, 250 millóns de persoas dos países en desenvolvemento caeron en risco de pobreza (cun 21,5% en España), mentres que os 651 multimillonarios estadounidenses aumentaron o seu patrimonio neto nun 30%-, evidenciouse que as nosas sociedades tal e como as coñecemos non poderán seguir existindo en condicións capitalistas. É necesario afrontar este afundimento social sistémico que está a producir a desigualdade, a mercantilización e a infrafinanciación de todo o público. E a pandemia, con toda a súa dureza foi, ademais, unha escusa para uns poucos para acumular máis mediante a desposesión das maiorías, especialmente das mulleres traballadoras. Co proceso de desmantelamento neoliberal do Estado do benestar, estase tratando de privatizar moitos aspectos da reprodución social cubertos pola función pública. Se con esta nova crise se reduce a provisión estatal de servizos de curas, obrigaráse aínda máis ás mulleres a facerse cargo das persoas maiores, as pequenas e as enfermas, reforzando a domesticidade e a feminización da pobreza.
Situación moi grave no Estado español, onde xa antes da pandemia tiñamos constancia do aumento da oligarquía. Xa no 2019, co comezo dunha crise económica en curso, 11.000 novos millonarios engraxaron este estamento privilexiado, de feito, as 23 persoas máis ricas deste selecto estamento viron as súas fortunas aumentadas nun 16%, só durante a primeira corentena, segundo a revista Forbes.
A espectacular concentración da riqueza nos últimos anos contraponse co encarecemento do custo da vida e en concreto do alugueiro da vivenda. Nunca traballara tanta xente en Europa e nunca fixeran falta tantas horas de traballo para ter unha vida. De tal modo que garantir o dereito á vivenda pasa por un programa de mínimos que entre outras cousas contemple unha lei estatal de regulación de alugueiros. Fai falta garantir dereitos e á vez pensar na recadación fiscal dunha maneira política e sobre todo republicana. É dicir, pensando na tributación das grandes fortunas, en acabar ca fraude fiscal que promoven certos territorios, familias e empresas. O sindicato dos Técnicos de Facenda xa denunciou a redución dun 76% da investigación dos delitos de fraude fiscal, un crime financeiro que cada ano supón un roubo de 91.600 millóns de euros para o conxunto do erario e 31.800 millóns para a Seguridade Social.
Unha política republicana consiste en construír un bloque político e social para facer pagar ás grandes familias da fraude fiscal; dende a monarquía ata o IBEX35. Ningún individuo pode estar por riba dos outros. “A realeza ten que ceder á realidade”, dixo o mesmo Sánchez Guerra.
Un novo Pacto de San Sebastián require, pois, da participación activa do conxunto de forzas sociais e políticas activas que queiran unha ruptura co réxime nun sentido democrático e popular. Por isto, as seguintes revistas e personalidades promovemos esta declaración con tal de formular un novo pacto estratéxico de cambio que outorgue o protagonismo ao conxunto das clases populares.
Medios asinando o manifesto: A Xanela, Nortes, Sin Permiso, :Sobiranies, Debats pel Demà, Agón, la Realitat, Maig, Viento Sur y Arada